Facebook Twitter

Viaxe por Galicia

Josep Pla

Trouxeron a comida. O caldo galego estaba realmente substancioso e tiña unha presentación excelente. Apenas coñezo Galicia. Estiven aquí en tres ou catro ocasións, sempre –desgraciadamente– de paso. O caldo galego paréceme a quintaesencia da vida agraria galega. O caldo galego –como o caldo verde portugués– é o prato popular deste país. Este era o prato favorito do ditador Oliveira Salazar. O caldo verde portugúes está feito cos mesmos ingredientes que o galego, pero engadíndolle unhas poucas verzas que lle proporcionan aínda un gusto máis rústico e agrario. Cando menos no territorio correspondente a este idioma inventouse un caldo que goza dunha popularidade indiscutible. Este feito é importante. O país que crea un caldo deste tipo é que realmente loitou contra a miseria. Está claro: hai moitas maneiras de facer o caldo galego. En cociña, a trampa é constante e indefectible. Na cociña que se fai hoxe, a trampa é permanente. Agora, o feito de elaborar un prato popular, substancioso, aceptado por todas as casas co lume prendido –na lareira ou no fogón– e aceptado, sobre todo, pola xente do país, é digno de admiración. Un prato de caldo tivérono mesmo os galegos máis pobres, aínda que non levantasen nin unha palla da terra. Noutros lados téñeno pasado peor, creo eu.

Josep Pla, Viaxe por Galicia. De Ribadeo a Tui. Vigo: Galaxia, Galicia no Espello, 1999, Pàgines, 19-20.

Traduït per Leandro García Bugarín
Amb el suport de: